Tuesday 24 de September de 2024

Desde o ano 2010 recuperáronse máis de 8 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros con perda de produtividade


Trasladou que desde o 2010 o seu departamento aprobou 170 proxectos que permitiron contribuír de forma sustentable á mellora da xestión e conservación dos recursos mariños vivos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou confraría de Vilaboa, onde membros do cabido lle amosaron o funcionamento da arringleiradora de algas na praia de Riomaior. Este apeiro foi adquirido pola entidade no marco das axudas para acondicionamento e rexeneración de bancos marisqueiros con problemas de perda de produción, que anualmente concede a Consellería do Mar.

No marco desta visita, a conselleira aproveitou para trasladar que, ao abeiro destas subvencións, foi posible rexenerar e acondicionar desde o ano 2010 máis de 8 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros con perda de produtividade. Neste sentido, destacou a iniciativa do colectivo de Vilaboa para adquirir este apeiro que lle permitirá xestionar a acumulación masiva de algas sobre o sedimento e manter a produción das súas zonas marisqueiras.

A conselleira lembrou a aposta do seu departamento pola recuperación dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produtividade. De aí que cada ano convoque unha orde de achegas para que as confrarías e colectivos de produtores poidan acollerse a ela e levar a cabo os seus proxectos para contribuír de forma sustentable a mellorar a xestión e conservación dos recursos mariños vivos. Trasladou que desde o ano 2010 aprobáronse un total de 170 proxectos que contemplaron traballos de aporte de cuncha, arado, sementeira con preengorde en batea, entre outras actividades.

A máquina xuntadora de algas posta a proba, funciona enganchada a un tractor e serve para amorear en ringleiras a capa vexetal depositada na area da praia, para recollela posteriormente cun autocargador ou remolque.